ECOAR))) (Espazo de (Contra)discurso, Construción, e Coordinación de Alternativas e Resposta Social) insírese na Coalition Climat 21, para protexer o medio ambiente e as persoas, que se atopan ameazadas polo actual modelo económico e produtivo neoliberal, que ten como obxectivo principal o beneficio económico a curto prazo para uns poucos, a partir do esnaquizamento dos dereitos das persoas e do planeta mesmo. Ao tempo ECOAR))) busca implicar á cidadanía e aos movementos sociais, na construción dunha resposta forte e duradeira para mellorar as políticas climáticas, medioambientais e de respecto dos dereitos humanos, así como facer fronte ás políticas capitalistas.
A través desta campaña ECOAR))) pretende:
- Denunciar e actuar contra os procesos de destrución do planeta.
- Sensibilizar á sociedade dunha comunidade determinada da perda global (non só física) que supón a destrución do medio ambiente.
- Revalorizar prácticas novas e orixinarias que na súa forma de producir respecten o seu entorno e as persoas que o habitan.
- Ofrecer alternativas, que garanticen un uso xusto e responsable dos recursos e non destrúan o medio ambiente.
- Dinamizar con iniciativas e accións participativo-reflexivas e críticas a contorna.
- Buscar unha estrutura global estable dende onde facer fronte ao sistema capitalista actual e enfocar os grandes temas relacionados coa xustiza global, os dereitos humanos e o medio ambiente.
“Se non facemos nada, ninguén o fará no noso lugar”.