Os canadenses esixen a España unha indemnización millonaria pola mina de ouro de Corcoesto

GALICIA

23/10/2015 | Lucía Villa

Os canadenses esixen a España unha indemnización millonaria pola mina de ouro de Corcoesto

A Xunta retirou á multinacional Edgewater os dereitos sobre a explotación galega por falta de solvencia. A empresa ameaza con recorrer a un tribunal de arbitraxe.

corcoesto

Os terreos de Corcoesto onde se pensaba recuperar a antiga mina de ouro ao descuberto. PÚBLICO

A mineira canadense Edgewater Exploration, a empresa que pretendía explotar a mina de ouro ao descuberto en Corcoesto (Cabana de Bergatiños, Galicia), reclamou ao Goberno unha indemnización despois de que a Xunta declarase a caducidade das concesións.
A firma de Vancouver e a súa filial en España, Mineira de Corcoesto, entenden que a cancelación do proxecto é “manifestamente ilegal”, acusa a España de “violar o dereito internacional” e ameaza con levar o caso ante un tribunal de arbitraxe.

“Corcoesto enviou hoxe unha notificación de controversia ao Reino de España en virtude dos termos do tratado bilateral de investimentos entre España e Panamá”, onde ten a súa sede Corcoesto. “No caso de que España non ofreza unha pronta e completa compensación pola perda do investimento e a oportunidade, Coscoesto proseguirá enerxicamente as súas reclamacións mediante a arbitraxe internacional”, di a empresa a través dun comunicado feito público este xoves.

O Goberno de Galicia, que aprobou en 2012 a Declaración de Impacto Ambiental presentada pola firma, foi inicialmente un dos principais impulsores do proxecto mineiro de Corcoesto. Fronte á forte contestación social, o propio presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, chegou a prometer 1.400 postos de traballo e pretendeu, mesmo, declaralo como un proxecto industrial estratéxico.

Pero nun xiro que sorprendeu a moitos, a Xunta anunciou a finais de 2013 que comezara os trámites para a súa cancelación porque carecía da “solvencia financeira e técnica” requirida. Para seguir coa tramitación, a Xunta esixía a Edgewater multiplicar por 60 os fondos propios, alcanzando o 25% do total do investimento previsto durante a vida útil da mina ou asociarse cunha empresa española solvente.

En marzo de 2014 Feijóo puxo o peche definitivo ao proxecto e a principios deste ano entrou en vigor unha nova lei autonómica que modificou a normativa sobre minería e que permitiu á Xunta iniciar de oficio os trámites para declarar a caducidade dos dereitos de explotación, que se fixo efectiva o setembro pasado.

“Esta resolución de caducidade é un repudio apenas disimulado dos dereitos de Corcoesto […] Temos a intención de tomar todas as medidas necesarias para protexer o noso investimento e os intereses dos nosos accionistas”, asegura o presidente e CEO da compañía, George Salamis, que cifra os investimentos en 35 millóns de dólares, entre a enxeñería, os estudos ambientais e de perforación.

Segundo a propia compañía, tanto esta como a súa filial galega xa se puxeron en mans de Three Crowns LLP, unha firma especializada en litixios de investimentos no sector dos recursos naturais.

Edgewater estimara extraer unhas 30 toneladas de ouro durante os oito ou nove anos de explotación. A cancelación do proxecto e a caducidade dos dereitos foi considerado unha vitoria por parte das plataformas e movementos cidadáns en contra, que foron protagonistas de soadas manifestacións e recursos. En conversa con este diario, a Consellería de Industria da Xunta asegurou non ter plans “polo de agora” para retomar o proxecto, pero os opositores temen que outras empresas estean interesadas.

Fonte: http://www.publico.es/sociedad/canadienses-exigen-espana-indemnizacion-mina.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *