“Aquelxs que renunciarían a unha liberdade esencial para mercar un pouco de seguridade momentánea, non merecen nin liberdade nin seguridade” – B. Franklin
Alomenos 24 activistas do clima foron postos baixo arresto domiciliario pola policía francesa, acusadxs de saltar a prohibición da organización de protestas durante o cumio do clima de París (COP21) que terá lugar a próxima semana.
Este tipo de abusos de poder amparados polo “estado de emerxencia” supón de facto a anulación dos dereitos fundamentais nun momento clave como é o COP21. Se permitimos este tipo de agravios contra os dereitos e as liberdades da cidadanía, o cumio converterase nunha farsa; un lavado de cara para as estruturas estatais, transnacionais e demais organismos que participarán nas negociacións do COP21.
Por iso máis que nunca, dende ECOAR))) chamamos a toda a cidadanía e organizacións internacionais da sociedade civil a mobilizarse sen medo e a exercer os nosos dereitos. Mobilicémonos tanto en París como en calquera outro recuncho do planeta, por unha saída do conflito climático, que garanta os dereitos de todxs xs que nel habitamos.
“Se non facemos nada, ninguén o fará no noso lugar”.