Acordo de París: Luces e Sombras para un “estado de emerxencia climática”

“A loita é como un círculo, pódese comezar en calquera punto, pero nunca remata.” Subcomandante Marcos.

O pasado día 12 produciuse un punto de inflexión no tratamento e no enfoque do problema do Cambio Climático que abre novas vías á hora de abordar a cuestión. París foi un escenario de luces e sombras, se ben quedou claro que as corporacións económicas e a clase dirixente apostan por un modelo diametralmente oposto á solución que, cada día está máis claro, que pasa por un cambio de modelo social, político e económico.

816206652_36556

O Acordo de París contra o Cambio Climático foi positivo en canto a que é o primeiro acordo que asinan a práctica totalidade dos países do mundo (196) que recoñece o Cambio Climático como problema mundial.

O Acordo de París é positivo tendo en conta que se decidiu atender aos argumentos da comunidade científica e as partes asinantes comprometéronse a facer efectiva unha mitigación da emisión de Gases de Efecto Invernadoiro que permita manter o aumento da temperatura por debaixo de 2ºC, tendo como meta facilitar que esta non sobrepase os 1,5ºC respecto de niveis preindustriais. Porén non debemos esquecer que o límite de 1,5 ºC implica, na práctica, acadar as cero emisións netas para todas as emisións ao redor de 2060-2080. Isto debería significar o abandono definitivo dos combustibles fósiles para 2050.

Establécese tamén un mecanismo polo cal todos os países terán a obriga de mellorar os seus compromisos de redución de emisións cada 5 anos a partir de 2020 (ano no que entrará en vigor este Acordo), así como a obriga para todos os países de comunicar regularmente os seus inventarios de emisions e captura de GEI, mellorando a transparencia do proceso e establecéndose uns espazos mínimos que permitirán facer avaliación, presión e rendición de contas a cada unha das partes sobre a súa situación.

París foi unha experiencia positiva en canto a que a cidadanía a pesar do “estado de excepción” exerceu os seus dereitos durante todo o cumio (con máis de 700 accións polas rúas e máis de 400 eventos) e non se deixou vencer pola política de presión e medo realizada polo Goberno francés, a través de detencións, rexistros, identificacións e prohibicións.

Pero tamén e certo que o Acordo de París é un acordo que queda moi lonxe das demandas cidadás. Aínda que ten carácter de tratado e, polo tanto, é legalmente vinculante, as partes claves para poder desenvolvelo non contan con esta consideración. Nin os obxectivos nacionais (INDC) nin os compromisos de financiamento teñen carácter vinculante, así que na práctica é imposible acadar os obxectivos marcados.

Na parte do financiamento, recoñecese a responsabilidade no cambio climático dos países enriquecidos, establecendo 100.000 millóns de dólares anuais para axudar aos países empobrecidos a adaptarse tecnoloxicamente e a mitigar os efectos de Gases de Efecto Invernadoiro, pero como non teñen carácter vinculante, non existen mecanismos que controlen de ningún xeito a quen non cumpra cos compromisos acadados.

Se ben polo acordado o único xeito que habería de acadar os obxectivos marcados implican o abandono das enerxías fósiles para 2050, o texto deixou totalmente fóra a mención expresa a esta cuestión (de seguirmos coas taxas actuais de consumo no ano 2050 superariamos os 3ºC).

Os pobos indíxenas aparecen mencionados no Preámbulo e na Sección de Adaptación do Acordo pero na práctica non se lles dá a protección que merecen, sobre todo tendo en conta que a conservación da masa forestal é clave para acadar as metas marcadas de 1,5ªC.

Ademais destas, cuestións tan importantes como a xustiza climática, a necesidade de cambio do sistema económico ou o enfoque de xénero, quedaron excluídos do Acordo, contrastando coa visibilización das mesmas que houbo por parte da sociedade civil ao longo de todo o cumio.

Para ECOAR))) o sucedido en París marca un primeiro paso para a abordaxe da problemática do Cambio Climático. O encontro de París naceu para a cidadanía e as organizacións como un punto de inicio e non como o punto final como sucedera en Copenhague en 2009, polo que se abandonan os enfoques de pesimismo e derrota coas que rematara aquel cumio. Dende París  constrúense novas vías de empoderamento popular, técense redes de acción global e abandónase a “dependencia” da clase dirixente en moitos eidos. París supón ademais a converxencia de milleiros de organizacións e liga de xeito case vertebral o problema climático co modelo social, político e económico. Só se abandonamos o sistema neoliberal actual e, polo tanto, o noso modelo de produción e consumo, seremos quen de facer fronte a problemática do clima. Debemos seguir organizándonos e mobilizándonos, para continuar presionando ás estruturas de poder mentres xeramos e construímos alternativas e resposta social.  Debemos concienciarnos que só tendo un rol activo podemos conseguir contrastar toda esa maquinaria de lobbies e intereses das corporacións transnacionais. París marca tan só un pequeno punto de incio dunha complexa loita que abrangue todo o sistema. Outro mundo é posible e necesario!!

“Se non facemos nada, ninguén o fará no noso lugar”.

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *