Galicia súmase ao pacto sobre auga e cambio climático no Cumio do Clima de París
A conselleira Beatriz Mato participa neste encontro mundial para loitar contra unha das maiores ameazas que afronta a humanidade.
Galicia vén de sumarse ao primeiro Pacto sobre auga e cambio climático, acordado no Cumio do Clima de París, no que participa a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, como parte da delegación española.
Trátase dun fito histórico, xa que é a primeira vez que se subscribe un acordo destas características, cuxo obxectivo principal é impulsar políticas públicas sostibles sobre a auga e adaptadas aos retos do cambio climático.
No encontro de París púxose de manifesto que o cambio climático ten unha incidencia cada vez maior nas masas de auga doce e nos seus ecosistemas, especialmente no que se refire a eventos hidrolóxicos extremos, como secas ou inundacións. Con respecto a este último punto, Mato lembrou que o Goberno galego vén de aprobar recentemente un Plan de xestión de risco de inundacións para facer fronte a estes fenómenos naturais, unha folla de ruta dotada con preto de 68 millóns de euros ata 2021, informa a Xunta.
O Pacto pola auga subscrito por Galicia ten catro obxectivos clave: reforzar o coñecemento das bacías para aumentar a capacidade de decisión respecto ao cambio climático; adaptar a planificación e xestión da bacía ao cambio climático; reforzar a gobernanza dos organismos de bacía dirixidos a este aspecto; e garantir un adecuado financiamento.
Galicia fronte o cambio climático
Ademais da novidade que supón este Pacto sobre a auga, a conselleira resaltou outros obxectivos que se marca Galicia para facer fronte ao cambio climático, desde as competencias propias da comunidade autónoma. Entre outras a actuacións a adoptar, citou a necesidade de seguir promovendo unha mobilidade máis sustentable, un alumeado público de menor consumo ou edificios públicos máis eficientes en materia enerxética.
Mato participou este martes nunha reunión dos representantes do programa rexional sobre cambio climático da rede Iberoamericana. Neste encontro analizáronse diferentes iniciativas sobre cambio climático en América Latina e Caribe en colaboración con España Posteriormente, asistiu a un encontro con varias ONG e outras comunidades e axentes económicos, no que se analizaron as negociacións que están a manter os diferentes países neste cumio.
No cumio de París están a participar 195 países, coa implicación dos seus principais mandatarios. O obxectivo deste cumio é pechar un acordo global rigoroso e a longo prazo sobre o cambio climático e, especialmente, fixar compromisos para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro que permitan frear o quentamento global.
Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/27034-galicia-sumase-pacto-auga-cambio-climatico-cumio-clima-paris