Contracumio COP21: 5D a 11D

crónica1Ao comezo do cumio, discursos oficiais pedían evitar sobrepasar o incremento máximo da temperatura global máis de 2ºC para o ano 2100 respecto de rexistros preindustriais.

As nacións con maior produción de enerxías fósiles, atópanse enrocadas en non “descarbonizar” de cara ao 2050 (ou incluso 2100), a cambio que ofrecen fixar o límite máximo da temperatura global en 1,5ºC.

O acordo que sairá do cumio climático de París non será vinculante nin apostará pola eliminación das enerxías fósiles. Adiarase ademais a saída do texto final do acordo ata o sábado 12 pola mañá.

A sociedade civil organizou ducias de accións e iniciativas a pesar das prohibicións e trabas continuas por parte das autoridades, e xerou resposta e alternativas fronte á situación de pasividade das autoridades que continúan a construír un modelo irresponsable e insostible.

A primeira semana de negociacións no COP21 caracterizouse polo estatismo das negociacións. Os países con grandes industrias fósiles, con Arabia Saudita á cabeza (segundo a Axencia Internacional de Enerxía, o país con maior produción e exportación do mundo: con 542 e 377 millóns de toneladas de petróleo ao ano, respectivamente) ofreceron colocar o límite máximo de aumento de temperatura global en 1,5ºC, a cambio de retirar do acordo a “descarbonización” (proceso que supón a eliminación do uso de enerxías que emiten gases de efecto invernadoiro). Isto supón unha incoherencia coas liñas marcadas pola propia ONU que indicou que o intento de manter o quecemento global nos 2ºC precisaba que ata dous terzos das reservas de combustibles fósiles que aínda non se utilizaron, quedaran no subsolo.

Os países en desevolvemento, encabezados polos BASIC (Brasil, India, Suráfrica e China), continuan apostando por que se lles marquen diferentes obrigas e esixencias respecto das nacións ricas, perpetuando así o esquema do Protocolo de Kioto e poñendo en cuestión o alcance global do posible acordo de París. Ao tempo o artigo 17, onde se dicía expresamente que o acordo ía ser “vinculante”, eliminarase a proposta de Estados Unidos que conta co apoio de países como China e India.

No borrador máis recente (xoves, 10/12/15), óptase finalmente por un acordo de mínimos que conta cunha posición rotundamente frontal das organizacións da sociedade civil, posto que supón a aposta por un modelo climático que se subxuga aínda máis aos intereses das grandes transnacionais. Proponse como obxectivo central manter a temperatura do planeta por baixo de dous graos respecto a niveis preindustriais e perseguir que non aumente máis de 1,5ºC para evitar os peores impactos do cambio climático. Porén, trátase como un obxectivo a acadar a longo prazo ao tempo que se emprega un léxico impreciso e vago para sinalar as liñas que se van seguir. Os países comprométense a “poñer pico ás súas emisións tan pronto como sexa posible” e a acadar a neutralidade de emisións de Gases de Efecto Invernadoiro na “segunda metade de século”. Desaparece definitivamente a referencia a fixar un obxectivo de redución de emisións para 2050 así como a alusión a lograr a descarbonización das economías en 2100.

A enorme presión dos lobbies transnacionais somete completamente a soberanía climatica dos pobos aos intereses das grandes empresas. A día de hoxe estes grupos sosteñen o 20% do presuposto do COP21 (uns 185 millóns de euros) e ademais poden participar como observador co mesmo estatus que unha ONG a través dun grupo aberto pola ONU denominado BINGO (Bussines and Industry). Resaltar que segundo un estudo presentado por Richard Heede do Instituto de Contabilidade Climática, dende o século XIX ata 2010 dous terzos das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro de todo o mundo foron causadas por un grupo de 90 empresas.

A situación do acordo ata o de agora segue deixando á marxe unha serie de factores clave. Non fai ningunha referencia ao transporte como foco de emisión (a pesar de que nalgúns países, como no caso do Estado Español por exemplo, supuxo un 30,8 % do total da queima do combustible), non aparece ningún indicador de igualdade de xénero na proposta e séguese sen cuestionar os mecanismos de anteriores tratados que favorecen a especulación e a política de talonario coas cotas de emisión de Gases de Efecto Invernadoiro.

Perante esta situación a sociedade civil organizou espazos onde confluír, coordinarse e presentar alternativas viables ao modelo actual, así como accións que contesten e comuniquen o descontento xeral da poboación co proceso das negociacións. Por esta cuestión 30.000 persoas acudiron a fin de semana do 5 e 6 de decembro a Montreuil ao denominado Cumio Cidadán polo Clima, que baixo o lema “Cambiemos o sistema e non o clima!”, acolleu a Aldea Mundial das Alternativas (onde se presentaron 277 solucións climáticas), o Fórum de Debates sobre o Clima (que contou con máis de 250 ponencias diferentes) e o Mercado Campesiño (onde diferentes organizacións relacionadas coa Vía Campesina, intercambiaron produtos e experiencias).

O luns día 7 no Centquatre, un espazo cultural ao norte de París, ábrese a denominada Zona de Acción Climática (ZAC) que durará toda a semana. Dende aí ábrense diferentes obradoiros e espazos, así como se marca o inicio dos diversos adestramentos de acción para o 11D e o 12D.

O 8 de decembro iniciáronse as ocupacións de espazos (fortemente respondidos polo dispositivo especial desenvolvido por parte das forzas policiais francesas, a razón do Contracumio) para poder establecer os puntos de coordinación, comezaron a repartirse as tarefas, e fíxose patente o problema de espazos de hospedaxe pola inxente afluencia de activistas de todas as partes do mundo.

As loitas campesiñas e a soberanía alimentaria marcaron a axenda do día 9 de decembro. A visibilización do problema climático a través de diversas accións de rúa (rodeo do museo do Louvre con paraugas negros por parte de miles de persoas para símbolizar a loita contra os combustibles fósiles; as mobilizacións como a central de “La Vía Campesina” e a Confederation Paysanne) complementáronse con conferencias onde se deron a coñecer as diferentes loitas e alternativas dos pequenos produtores contra as grandes industrias, dende pescadorxs súdafricanxs ata campesiñxs de Lesoto, pasando por pequenos gandeirxs francesxs.

O 10 de decembro ten lugar o día enfocado á análise da relación entre o Cambio Climático e os Tratados de Libre Comercio (TTIP, TISA, TPP,…). Diversas mobilizacións e accións contra grandes empresas contaminantes e institucións internacionais compleméntanse cunha serie de conferencias que analizan as diversas temáticas relacionadas con estes tratados (megaminería, loitas indixenistas, soberanía alimentar, soberanía dos pobos e dereitos humanos).

O día 11 asúmese como un grande ensaio final antes das fortes mobilizacións do dia 12 de decembro. As accións que se iniciaron dende o pasado día 30 de novembro e que denuncian en diferentes partes do mundo a desastrosa política climática levada ao cabo a nivel global (Climate Games) únense centos de accións reivindicativas de diverso signo que conforman durante estas dúas semanas de contracumio un total de mási de 1200 accións na cidade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *