Así manobran lobbies e empresas contaminadoras no cume do clima tras financiala ao 20%

 

  • Grandes corporacións enerxéticas participan no cumio como observadores con voz á vez que subvencionan ata un 20% do orzamento organizativo
  • Empresas petrolíferas, do carbón ou do transporte aéreo activan a súa acción lobista mentres se discute cada artigo e apartado do acordo que debe saír da COP21 
Protestas-cumbre-pedir-descabonizacion_EDIIMA20151210_0453_4

Protestas durante o cumio para pedir a descarbonización.

Cada artigo que comporá o acordo sobre cambio climático que se prepara no cumio de París (COP21) é unha loita de negociacións. Todos os apartados teñen varias opcións que, á súa vez, conteñen múltiples partes para escoller e concretar. Case cada frase discútese. Así que é un campo máis que fértil para influír e presionar segundo os intereses. É dicir, terreo abonado para os grupos de presión: os lobbies que en Francia tamén están a actuar a pleno pulmón.

Non se trata unicamente de que até un 20% do orzamento da COP21 (uns 185 millóns de euros) proveña de grupos empresariais, senón da presenza de grandes corporacións nas discusións sobre o cambio climático. Os patrocinadores acudiron á chamada do presidente da conferencia, Laurent Fabius, que pediu colaboración no “evento internacional máis grande xamais organizado en chan francés”. Pero a ONU ten ademais aberto un grupo denominado BINGO (Bussines and Industry) que actúa como observador co mesmo status que as ONG.

Así que nas reviravoltas do acordo hai unha nutrida representación empresarial apostando pola súa maneira de ver o quecemento global. De feito, uns dous terzos das emisións de gas de efecto invernadoiro en todo o mundo (polo menos desde o século XIX ata 2010) foron causadas por un grupo de 90 empresas, segundo expuxo Richard Heede, do Instituto de Contabilidade Climática nun estudo de 2013.

Sen ir máis lonxe, os dous xigantes da enerxía francesa, EDF (Electricité de France) e Engie son omnipresentes na COP21. De feito, o Estado francés posúe aínda o 84% da primeira e o 33% da segunda. O Observatorio Europeo de Corporacións (que se dedica a analizar os grupos de presión) considera que Francia “está a aproveitar o cumio para promocionar aos seus dous campións nacionais da enerxía”. As plantas enerxéticas de ambos os dous grupos emiten uns 151 millóns de toneladas de CO2 cada ano.

Captura do carbono

Entre os máis activos do grupo BINGO, atópase a organización IPIECA. Responde o nome de Asociación de Produtores Internacionais de Petróleo para a Conservación Ambiental. Nas súas filas enrólanse BP, Chevron, Exxon, Shell, Repsol…. A súa oferta é apostar pola captura de carbono. É dicir, desenvolver e investir nunha tecnoloxía que “atrape o CO2” que se lanza á beira das plantas de combustible e logo encerralo en almacéns como, por exemplo, antigas bolsas subterráneas de hidrocarburos unha vez baleiradas. A asociación que representa esa tecnologia (CSSA) tamén está no BINGO e actuando. E os seus membros teñen moitos puntos de coincidencia cos produtores de hidrocaburos: dende Chevron a Shell, pasando E.On, Engie….

Tamén se move por París a Asociación Mundial do Carbon (WCA). A súa posición sobre o cumio pedía que calquera recorte de emisións tivese en conta “o desenvolvemento económico e o fin da pobreza” ademais de asegurar que “unha electricidade accesible asegurada e confiable está nos alicerces da prosperidade no mundo moderno”. Con esa mochila chegou o seu director executivo, Benjamin Sporton, pero tamén o avogado Chris Horner, un reconocible escéptico do cambio climático (autor de Mentiras roxentes: como xs alarmistas do quecemento global usan as ameazas, a fraude e a mentira para manterche desinformado) ao que unha compañía mineira de carbón (Alpha Natural) financiou con 18.000 dólares aínda cando estaba a piques de declararse en quebra.

Estas organizacións “poden atender ás sesións como observadores e fan os seus eventos paralelos” explica Javier Andaluz, o responsable de Cambio Climático de Ecoloxistas en Acción. Pero despregan máis a súa influencia, di, “ao poder presentar emendas e, sobre todo, ao ir algunhas veces dentro das delegacións dalgún país”. Para subliñar a forza que teñen, Andaluz lembra que “para a COP19, houbo antes unha especie de pre-COP exclusiva para as entidades do BINGO”. Aquela ocasión foi o gran impulso para a técnica de captura e almacenamento de carbono que foi a única tecnoloxía mencionada no Fondo Verde de financiamento para a adaptación ao cambio climático. “A ese cumio acabóuselle chamando CORP [do inglés corporation: empresa] máis que COP”, ironiza Andaluz.

Avións e barcos

A dobre vía de acción: patrocinio e participación non é excluínte. Air France, por exemplo, tamén patrocina a COP21. A aerolinea está na Asociación Internacional de Transporte Aéreo (IATA). Este sector xunto co da navegación marítima supoñen algo máis do 5% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro no mundo. O borrador de acordo que chegou a París incluía unha referencia a este foco de emisión. Dicíase que estas patronais crearían un protocolo de medición e mitigación. E mantívoo ata a gran revisión do articulado que se presentou este mércores. Alí xa non aparecía  ningunha referencia. A menos de que poidan arrastralo de novo dentro (o comisario europeo Miguel Arias Cañete comentou tras esa decisión que trataría de que “volvese”), o transporte voou do texto.

A lista alárgase (e se teñen efectos concretos non se verán até que o acordo estea pechado). Pero abarca un amplo abanico de sectores. Outro dos grandes patrocinadores franceses do evento é o seu xigante financeiro BNP-Paribas que, doutra banda, ocupa o noveno posto mundial en investimentos no sector do carbón, segundo un seguimento que realiza a organización Bank Track de análise de operacións financeiras: a cifra suma máis de 15.000 millóns de euros dende 2005.

Esta semana de cumio, nalgúns farois de París apareceron carteis colocados pola organización Avaaz coa cara dalgúns destes lobistas para acusarlles de traballar contra un acordo ambicioso. Un deles era o director do Think Tank Competitive Enterprise Institute, Myron Ebell. Ebell contou que esta acción é froito da paranoia e que “o vilipendio dalgúns realistas do clima suxire que están preocupados porque un puñado de persoas que din a verdade ameaza o chamado consenso global”.

O eurodeputado de Iniciativa per Catalunya Ernest Urtasun contesta a eldiario.es que “a industria está no proceso do acordo sobre o cambio climático dende o inicio do cumio”. De feito, na Unión Europea, os grupos de presión están tan instalados que obriga darse de alta nunha especie de rexistro. Urtasun entende que a preocupación pola influencia dos grupos empresariais vén máis ben porque “moitos dos patrocinadores oficiais da COP21 poderían verse afectados se o acordo fose ambicioso e é por iso que a súa presenza en Paris inquieta”.

Nota:

A viaxe e a estancia do enviado especial de eldiario.es á COP21 foron sufragados pola organización Ecoloxistas en Acción coa axuda da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Ecoloxistas en Acción organizou unha delegación de xornalistas para asistir á conferencia.

Fonte: http://www.eldiario.es/sociedad/intereses-empresariales-vigilan-acuerdo-climatico_0_461254056.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *